...
Lecer seguro para menores de familias vulnerables

Os meses de marzo a xuño, co confinamento provocado polo coronavirus e as medidas restritivas da “desescalada”, foron duros para os menores de familias vulnerables do barrio de La Ventilla (Madrid). A crise social provocada polo encerro empeorou a situación económica dalgunhas delas. O verán, ademais de caloroso, presentábase como un tempo baleiro para estes menores, que tiñan moi difícil abandonaren a cidade por vacacións.

Neste contexto, e dentro da oferta organizada pola Compañía de Xesús en 22 cidades, “Servir Juntos Verano 2020”, as parroquias San Ignacio (dirixida pola Compañía) e Nuestra Señora del Espino, do arciprestado Nuestra Señora de las Victorias, decidiron organizar un campamento urbano nas súas parroquias para nenos e adolescentes do barrio.

Durante o mes de xullo, 30 menores e 10 adolescentes puideron gozar dun lecer seguro e esquecer un pouco a situación de pandemia. Co diñeiro recadado a través da campaña provincial #Seguimos, financiáronse parte destes campamentos celebrados durante catro semanas do mes de xullo grazas a 32 monitores voluntarios.

María Lain, coordinadora dos voluntarios do campamento na sede de Nuestra Señora del Espino, cóntanos que aos nenos “encantoulles poder estar fóra da casa, cos amigos e xogar. Estaban cansos e aburridos tralo confinamento e o campamento foi como unha liberación e un sopro de aire fresco. Este tempo lúdico veulles moi ben”. O mesmo opina Candela Contreras, de 16 anos, unha das voluntarias máis novas: “O campamento foi unha oportunidade para os nenos porque puideron divertirse e xogar con outros nenos despois de estaren encerrados nas súas casas durante tanto tempo”. A esta monitora, o seu servizo proporcionoulle, sobre todo, alegría, algo que tamén sinala María Lain, quen engade, servizo e compromiso: “Estar con nenos/as renóvate e volves xogar coma se foses unha máis. Tamén o valor do servizo e do compromiso. Sobre todo, o don de compartir un tempo de calidade cun bo propósito e a alegría que isto proporciona ”.

Seguindo todas as medidas de prevención (xel desinfectante, máscaras, medición de temperatura), os menores puideron gozar de xogos clásicos (polis e cacos, o pano, a bomba, o brilé, a corda), as xincanas, os obradoiros de baile e as camisetas de pintura, cinefórum e algunha saída ao aire libre.

A campaña #Seguimos financia proxectos específicos das obras da Compañía de Xesús intentando dar unha resposta integral a persoas e grupos vulnerables que máis sofren as consecuencias da crise do covid-19.