
A campaña #Seguimos promovida pola Compañía de Xesús prestou apoio a dous proxectos do colexio Jesuïtes Poble Sec-Sant Pere Claver en Barcelona. Son dous proxectos fundamentais para garantir a equidade nestes tempos tan complexos.
Debido á situación xerada a partir do mes de marzo polo confinamento, moitas familias deste centro educativo perderon o seu traballo ou víronse afectadas por ERTOS, expedientes de regulación temporal de ocupación, moitos dos cales aínda continúan. Isto provocou que este curso escolar non puidesen facer fronte ás cotas de materiais e libros. O colexio detectou tamén que, durante o confinamento, parte do alumnado non podía recibir acompañamento telemático na súa aprendizaxe por non ter acceso a dispositivos adecuados, quedando limitado este acompañamento, con sorte, a chamadas telefónicas por parte dos docentes.
Os dous proxectos que recibiron apoio da campaña #Seguimos son, por unha banda, “Ningún/a alumno/a sen libros nin material”, que ten como obxectivo axudar a unha parte das familias que non poden asumir o pagamento desta cota. E, en segundo lugar, “Todos conectados”, unha iniciativa para que, durante os confinamentos nos que poidan atoparse os alumnos ou os diferentes grupos do colexio, todo o alumnado poida estar conectado para continuar a súa aprendizaxe e recibir apoio emocional.
Grazas a isto, parte do alumnado e familias do centro poderán minimizar as consecuencias dos momentos difíciles que están a vivir.