...
Proxectos internacionais para promover o acceso á educación

Entre os 22 proxectos que promove a campaña #Seguimos para afrontar a crise derivada da pandemia covid19, hai tres iniciativas internacionais que Alboan e Entreculturas apoian, co seu labor, para o acceso á educación como ferramenta para o desenvolvemento e a paz. Estes tres proxectos teñen lugar, en colaboración con organizacións irmás xesuítas, en Chad e Burundi, en África; e en América Latina.

O proxecto en Chad lévase a cabo xunto coa entidade asociada e irmá Fe y Alegría e ten como obxectivo previr e mitigar o impacto da covid-19 na poboación máis vulnerable. A resposta céntrase nas necesidades detectadas, tendo en conta o alcance da acción e as medidas adoptadas polas autoridades do país; e identifica tres liñas de traballo clave: educación en contextos de emerxencia, axuda básica (alimentos e acceso á auga potable) e prevención e concienciación sobre a enfermidade. Algunhas das actividades específicas previstas son charlas de sensibilización en comunidades rurais ou a distribución de kits de hixiene e alimentos nos colexios das zonas onde se localiza o proxecto.

En Burundi, articúlase unha resposta á crise causada pola pandemia mundial xunto co JRS (o Servizo Xesuíta a Refuxiados), outra das organizacións irmás. O proxecto ten como obxectivo aumentar o acceso a produtos de hixiene nos campos de refuxiados poñendo en marcha pequenos negocios de produción de xabón. Arredor de 50 mozos (25 homes e 25 mulleres), refuxiados congoleses nos campamentos de Kinama e Musasa, serán os participantes neste proxecto de formación profesional que busca establecer unha cooperativa en cada campo de refuxiados para impulsar a autonomía e os medios de subsistencia desta poboación. 

Desde a Federación Internacional de Fe y Alegría este ano lanzouse un novo Plan de Resposta Humanitaria centrado en afrontar a crise da covid-19  O apoio á campaña #Seguimos a través de Alboan e Entreculturas lévase a cabo en 21 países de América Latina e África que forman parte deste proxecto. Hai catro liñas principais de intervención: axuda de emerxencia; prevención e sensibilización; educación en emerxencia; e recuperación precoz (medios de subsistencia, empregabilidade e emprendemento). En total, este proxecto chegaría a máis de 860.000 persoas neses países.

Alboan e Entreculturas son dúas organizacións xesuítas de cooperación internacional para o desenvolvemento que centran o seu traballo no acceso á educación como clave para a transformación social, así como na construción dunha cidadanía global que denuncia as inxustizas que provocan a desigualdade social.