...
#Seguimos: proxectos que impulsan vida no medio dunha crise

A campaña #Seguimos iniciou o seu camiño este ano 2020 para dar unha resposta integral ás persoas e colectivos vulnerables que máis sofren as consecuencias da crise da covid-19. Hai só uns meses a iniciativa viña á luz a través da súa páxina web e estivo presente en parroquias, templos, centros educativos, universidades, obras sociais, comunidades e outros espazos onde está presente a Compañía de Xesús, como expresión e testemuño vivo do compromiso dos xesuítas cunha volta á actividade que non deixe ninguén atrás, que non queira deixar ninguén esquecido. 

#Seguimos pretende apoiar os proxectos que xa se puxeron en marcha para axudar a poboación máis vulnerable en tres liñas de actuación: axuda de emerxencia (alimentación, saúde, vivenda); acompañamento educativo, psicosocial e de inserción laboral; e cooperación internacional nesas partes do mundo con menos recursos. En palabras de Antonio España SJ, provincial da compañía en España, a través da campaña #Seguimos “queremos concienciar e dar visibilidade a estas penosas situacións e, grazas ás túas achegas, obter axuda e recursos que fagan posible continuar prestando apoio ás persoas máis vulnerables”. 

Grazas ao esforzo e implicación de todas as persoas que colaboraron con #Seguimos, financiáronse un total de 22 proxectos de todos os sectores e cunha boa representación de territorios en España. 

Nestes meses apoiamos comedores sociais e subministración de alimentos básicos a familias de Tudela, Cataluña, Madrid, Valencia con Villa Javier, La Vinya, Arrels-Sant Ignasi, Carles Blanch, as Clarisas de Manresa e SJM Valencia. As parroquias de Almería e Ventilla (Madrid) tamén recibiron apoio para o seu traballo a través de Cáritas e dos campamentos parroquiais con poboación vulnerable.

Tamén se prestou apoio a Migra Studium, Atalaya e Nazaret no seu traballo de acollida en comunidades de hospitalidade, albergues e pisos residenciais, e ás escolas SAFA e Jesuïtes Educació onde se está a apoiar, de forma específica, a estudantes e familias con necesidades especiais froito da crise. A nivel internacional puidemos traballar con Alboan e Entreculturas en apoios específicos COVID en Perú, Bolivia e Chad.

Proxectos educativos: garantir libros e materiais

Un dos primeiros proxectos promovidos pola campaña #Seguimos tivo lugar na escola Jesuïtes Poble Sec-Sant Pere Claver, en Barcelona. Despois de que algúns pais e nais quedasen no paro ou con ERTEs abertos unha vez que se decretou o estado de alarma en marzo, detectouse que estas familias non podían cumprir as cotas de materiais e libros para o curso escolar. Ademais, parte do alumnado non puideron seguir nas seguintes semanas as aulas por non dispor de dispositivos electrónicos con acceso á rede, quedando limitada a conexión á vía telefónica puntual co profesorado.

Deste xeito, os proxectos que recibiron apoio da campaña estatal #Seguimos son “Ningún/a alumno/a sen libros nin material ” para axudar as familias a pagar as taxas; e “Todos conectados”, para seguir vinculados a distancia vía online.

Lecer seguro nas parroquias para menores de familias vulnerables

A crise social provocada polo peche en marzo agravou a situación económica dalgunhas das familias do barrio de La Ventilla (Madrid). O verán, ademais de caloroso, presentábase como un tempo baleiro para estes menores, que tiñan moi difícil abandonaren a cidade por vacacións. Neste contexto, e dentro da oferta organizada pola Compañía de Xesús en 22 cidades, “Servir Juntos Verano 2020”, as parroquias San Ignacio (dirixida pola Compañía) e Nuestra Señora del Espino, do arciprestado Nuestra Señora de las Victorias, decidiron organizar un campamento urbano nas súas parroquias para nenos e adolescentes do barrio.

Durante o mes de xullo, 30 menores e 10 adolescentes puideron gozar dun lecer seguro e esquecer un pouco a situación de pandemia. Co diñeiro recadado a través da campaña provincial #Seguimos, financiáronse parte destes campamentos celebrados durante catro semanas do mes de xullo grazas a 32 monitores voluntarios, con todas as medidas de seguridade do protocolo sanitario e cunha gran variedade na oferta de lecer: xogos clásicos, xincanas, obradoiros de baile e pintura de camisetas, cinefórum e algunhas saídas ao aire libre. 

Iniciativas sociais: reducir a desigualdade

No Sector social, os proxectos que apoiou a campaña #Seguimos abarcaron dende a máis pura emerxencia social e a acción para garantir o subministro de produtos de primeira necesidade, ata proxectos de intervención con menos urxencia pero cun longo percorrido e de vital importancia. Dentro da área de Cooperación Internacional, tres son os proxectos de educación para o desenvolvemento nos que participan Alboan e Entreculturas e que foron reforzados coa acción de #Seguimos: Burundi, Chad, e Perú. Por outra banda, na zona de Red Mimbre (infancia e xuventude), puxéronse en marcha proxectos de emerxencia para proporcionar alimentos e produtos de primeira necesidade ás familias e residentes nos barrios onde traballan que quedaran nunha situación moi vulnerable despois da declaración do estado de alarma. Isto aconteceu en Hospitalet de Llobregat (Fundación La Vinya), Badalona (F. Carles Blanch-Centre Sant Jaume) ou Alacante (Nazaret), entre outros lugares. Finalmente, na área migratoria do SJM, alternáronse proxectos de acción social de emerxencia para distribuír mercadorías (como en SJM Valencia) con outros apoios de carácter residencial, no marco dos programas de Hospitalidad (Arrels en Lleida, Atalaya en Burgos ou Migra Studium en Barcelona).

Bolsas para alumnos universitarios

O centro SAFA Maxisterio de Úbeda (Xaén) é un referente na formación do profesorado andaluz dende a súa fundación en 1944. Situados nun ambiente cunha marcada desigualdade socioeconómica, o alumnado non ten ingresos elevados xa que a maioría das familias viven do cultivo da oliveira e do sector servizos. No contexto covid19, moitas destas persoas estaban desempregadas ou afectadas por un ERTE, o que levou ao centro SAFA a iniciar un proxecto co apoio de #seguimos e o sector UNIJES para financiar bolsas adicionais para varios estudantes. Deste xeito poden cubrir os seus gastos docentes nun 50% ou 100%. O compromiso histórico deste centro co desenvolvemento persoal, a excelencia histórica e a responsabilidade social no contorno fai posible que algúns dos seus estudantes, afectados pola crise económica da Covid, poidan seguir estudando na universidade.